Thursday 19 de September de 2024

Gonzalo Muíños insta ao bipartito a retomar o proxecto de reordenación de Xoán XXII que incorpora carril bici e incrementa a máis de 100 as prazas de aparcadoiro


O proxecto reducirá a só un carril ascendente e outro descendente ao tráfico e cambiaría as prazas de superficie de aparcamento en liña a batería

“Trátase de pacificar o tráfico ao tempo que damos resposta ás necesidades de aparcamento dunha zona de edificios antigos que, na súa maioría, carecen de parking propio” afirma.

Coincidindo co remate das obras na rúa da Pastoriza, desde o Grupo Socialista instan ao bipartito a retomar o proxecto de reordenación de tráfico en Xoán XXIII que se preparara durante o pasado mandato e incluso se consensuou coa asociación de veciños As Marías da rúa Espírito Santo. Gonzalo Muíños explica que se trata dun proxecto que non require dun gran investimento, pero que serviría “para pacificar o tráfico ao tempo que se da resposta ás necesidades de aparcadoiro que teñen na zona”.

Segundo explica o portavoz socialista, con esta actuación, que consistiría fundamentalmente en cambios na sinalización vertical e horizontal da zona; pasaríanse de 23 a máis de 100 prazas de aparcamento en superficie, pasando de ser prazas en liña ao carón da rúa, a batería. Con este cambio reduciríanse os carrís a un en cada sentido, posto que na outra marxe da calzada se incorporaría un carril bici.

“Trátase de dar resposta ás necesidades de aparcamento dunha zona de edificios antigos que, na súa maioría, non teñen parking propio” explica o que fora responsable de Tráfico durante o goberno socialista. Muíños, que levará esta cuestión a pleno en forma de proposición, recalca que esta actuación daría continuidade á obra de renovación do vial acometida na Pastoriza.